Cheo na Facultade Ciencias na "II Xornada sobre políticas alimentarias"

Co título Seguridade alimentaria “da granxa á mesa”, a Facultade de Ciencias do campus de Ourense acolleu este venres a celebración da II Xornada anual sobre políticas alimentarias, organizada polo grupo de investigación Food and Health Omics, integrado no Campus Auga. A cita presentouse como “un punto de encontro entre os distintos axentes da cadea alimentaria no que expor a súa experiencia no ámbito da seguridade alimentaria”, contando coa asistencia de arredor de 170 persoas pertencentes ao alumnado, empresas, inspección e entidades relacionadas co sector agroalimentario.

A xornada estivo coordinada polas profesoras e investigadoras Raquel Rial, Beatriz Cancho, Elena Martínez e Carmen González. Na súa inauguración, Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, lembrou que a seguridade alimentaria constitúe unha área de traballo prioritaria do Campus Auga, o campus de especialización de Ourense. Nun mundo que afronta desafíos crecentes relacionados co cambio climático, comentou, a degradación dos recursos naturais, os conflitos e as crises económicas ameazan a dispoñibilidade e o acceso a alimentos seguros e nutritivos para todos. Neste contexto, o responsable académico afirmou que “este evento supón unha oportunidade para compartir coñecementos, experiencias e mellores prácticas, así como para identificar solucións innovadoras e colaborativas que reforcen a nosa capacidade para afrontar os retos da seguridade alimentaria”.

Membros do grupo de investigación do Campus Auga Food and Health Omics

Cada ano, explicou pola súa banda Beatriz Cancho, “organizamos unha xornada sobre políticas alimentarias porque queremos que se consolide a Facultade de Ciencias como punto de encontro e foro de debate entre todos os axentes dos diferentes ámbitos do sector alimentario e este ano decidimos dedicala á seguridade alimentaria”. Así, a actividade reuniu “a todos os actores imprescindibles” para falar de seguridade alimentaria no marco da estratexia “da granxa á mesa”, que abarca toda a cadea alimentaria e que está destinada a acadar sistemas alimentarios xustos, saudables e respectuosos co medio ambiente. Sobre a relevancia da temática abordada, desde a organización da actividade lembraron que o obxectivo das políticas alimentarias da Unión Europea en materia de seguridade alimentaria é protexer aos consumidores así como garantir un bo funcionamento do mercado interior. E neste senso, apuntaron que a avaliación de posibles riscos alimentarios eríxese como a base científica para a toma de decisións en materia de seguridade alimentaria e nutrición.

Facendo clic no botón de abaixo poderemos ver unha serie de vídeos que cobren toda a Xornada realizados por UVigoTV