A iniciativa combina competencia científica, traxectoria e experiencias colectivas previas para focalizarse e crear novo coñecemento especializado a través da investigación das complexas interaccións biolóxicas, físicas e químicas. Ao tempo deseña formas de pensar, ideas e tecnoloxías novidosas que axuden a promover un cambio de paradigma tanto ao nivel da práctica agroalimentaria como das políticas sectoriais.

O obxectivo final do IAA é converter Galicia nun referente europeo en agroecoloxía e alimentación.

Liñas de especialización

Consta de catro liñas de especialización:

  1. Saúde e calidade do solo
  2. Xestión e manexo de cultivos
  3. Calidade e seguridade alimentaria
  4. Xestión e valorización de recursos

Equipo

Está integrado por un total de 150 traballadoras e traballadores, 124 deles de carácter investigador, formando parte de 6 grupos de investigación:

  • Agrobioloxía ambiental: calidade, solos e plantas (BEV1).
  • Enxeñaría Química 4 (EQ4).
  • Food and Health Omics (CF1).
  • Investigacións Agrarias e Alimentarias (AA1).
  • Pranta, Solo e Aproveitamento de Subproductos (BV1).
  • Biotecnoloxía e Calidade en Industrias Agroalimentarias e Medio Ambiente (ByCIAMA).

Localización

A sede formal e instalacións principais do IAA están no primeiro andar do Edificio Campus Auga, no Campus de Ourense, ocupando unha superficie de 629,20 m2, dos que 350,90 corresponden a 9 laboratorios. Tamén existen laboratorios asociados ao Instituto noutras partes do Edificio do Campus Auga, no Edificio Politécnico de Ourense ou na Facultade de Bioloxía en Vigo, nos cales o persoal investigador do IAA desenvolve unha parte moi importante do seu traballo.

Sede do IAA

MISIÓN DO INSTITUTO DE AGROECOLOXÍA E ALIMENTACIÓN

Promover unha contorna de investigación interdisciplinaria e de excelencia con capacidade para ofrecer novo coñecemento e solucións que contribúan a un proceso de transición nun contexto marcado polos grandes cambios globais, incluído o cambio climático, preservando a biodiversidade e contribuíndo aos obxectivos de desenvolvemento sostible.