Chega un novo número, o oitavo, da revista electrónica anual Redas. Revista de Derecho, Agua y Sostenibilidad no que especialistas do eido xurídico e académico de diferentes países abordan temas de actualidade arredor dos recursos hídricos, abranguendo aspectos relacionados coas comunidades de regantes ou as augas achadas en minas.
Redas é unha revista anual posta en marcha no ano 2015 desde a Facultade de Dereito da Universidade de Vigo no marco do proxecto de especialización do Campus Auga. Trátase dunha publicación especializada en auga, medio ambiente e desenvolvemento sostible cuxos contidos van dirixidos tanto a públicos tanto académico profesional. Está dirixida por Roberto O. Bustillo, catedrático de Dereito Administrativo da UVigo e Laura Movilla, profesora da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais. Conta co apoio, entre outras entidades, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Contidos deste número
A estrutura da revista consta dun editorial dos seus co-directores e a continuación un estudo sobre o dereito de acceso á información nas comunidades de regantes, partindo dunha análise das resolucións dos consellos de transparencia. O traballo é obra do investigador da Universitat Abat Oliba CEU Álvaro González. Séguelle outro estudo, neste caso de ámbito internacional, feito por Miguel Ángel Michinel, catedrático de Dereito Internacional Privado da Universidade de Vigo, e Arantxa Muñoz, da Universidade de Santiago de Compostela.
No apartado de documentación administrativa e xurisprudencial, un texto de María Luisa Vilela, avogada e doutora en Dereito pola Universidade da Coruña, analiza o suposto peculiar de suspensión da execución de sentenzas urbanísticas que ordenan derribas, concretamente o caso do complexo turístico da Isla de Valdecañas. Completa o número un texto do tamén avogado e investigador da Universidad de Valparaíso (Chile) sobre a eficiencia do réxime das augas achadas en minas na lexislación de España, Bolivia, Chile, Perú e Guinea Ecuatorial.