O xoves 30 de novembro, o Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, acolleu o lanzamento da iniciativa Risc_Plus, de resiliencia fronte a riscos de asolagamentos e secas derivados do impacto do cambio climático nas concas do Miño e do Limia. O proxecto –un Interreg POCTEP– está liderado pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e conta coa participación da Universidade de Vigo, a Facultade de Engenharia de Universidade de Porto e a Agência Portuguesa do Ambiente.
Na presentación participaron José Antonio Quiroga, presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico); Inés Andrade, directora da ARH-Norte (Agência Portuguesa do Ambiente); Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, e Tiago Ferradosa, da Universidade do Porto.
Dando continuidade a un proxecto anterior
A iniciativa, tal e como se destacou no acto, continúa o proxecto –tamén POCTEP– denominado Risc Miño-Limia, concedido en 2017 e desenvolvido polos mesmos socios ata finais de 2021. A participación da UVigo corre a cargo do grupo Environmental Physics Laboratory (EphysLab-Centro de Investigación Mariña) e está en liña co proxecto de especialización do campus de Ourense Campus Auga.
O programa POCTEP é unha iniciativa de cooperación transfronteiriza dentro do Interreg VI España-Portugal, e conta con fondos Feder. O seu principal obxectivo é preparar a conca do Miño-Lima fronte a eventos extremos derivados do cambio climático, mellorando a resiliencia a través da prevención, preparación e dixitalización e avanzando cara un plan hidrolóxico único para esta demarcación internacional conforme á directiva Marco da Auga.
Entre os resultados ata o momento, os promotores destacan o incremento de puntos de control das redes automáticas de información hidrolóxica e de calidade; novos índices de seca; un inventario de recursos hídricos e o impacto nos mesmos do cambio climático; un plan especial de seca conxunto; a mellora dos sistemas de axuda á decisión; o desenvolvemento dunha versión beta dun sistema de alerta temperá fronte a inundacións e a mellora do sistema de adquisición e tratamentos de datos, entre outros. A experiencia acumulada a partir dos resultados do Risc Miño-Limia “manifesta que un incremento do coñecemento da demarcación hidrográfica internacional actual a todos os niveis é fundamental e constitúe unha excelente base para a análise do impacto do cambio climático futuro na mesma”, aseguran os responsables.
Os efectos do cambio climático, comentan desde o proxecto, son xeneralizados e inclúen unha serie de cambios no ciclo hidrolóxico, concretamente en termos do incremento das precipitacións extremas tanto en frecuencia como en intensidade xunto a un aumento na duración, cunha repercusión importante sobre as persoas e os bens debido ás inundacións que provocan e a severidade das secas. “Por tanto, a capacidade de predicir con suficiente antelación estes eventos extremos é unha tarefa crucial que permitirá minimizar os seus efectos negativos futuros”, afirman. Neste contexto, comentan, nos últimos anos o desenvolvemento de ferramentas numéricas (no que EphysLab ten unha dilatada traxectoria), fortemente sustentado polo incremento da potencia computacional, facilitou a capacidade das simulacións numéricas para reproducir tales eventos con crecente detalle o que permite unha mellor comprensión dos efectos do cambio climático e contribúen a mitigar os seus inconvenientes e coñecer o impacto socioeconómico asociado”.