Campus Auga consegue a acreditación da Xunta e un investimento mínimo de 3M€ para docencia, investigación e transferencia durante 3 anos

A Xunta de Galicia anunciou o martes 12 de decembro a acreditación do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense. A consecución fíxose pública por parte de Román Rodríguez –conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades– acompañado por Manuel Reigosa –reitor da Universidade de Vigo– e Elena Rivo –conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade– estando tamén presentes Francisco Javier Rodríguez Rajo –vicerreitor do campus de Ourense, José Alberto Díez de Castro –secretario xeral de Universidades–, Roberto Ignacio Fernández —director do Campus Auga– e membros do comité de dirección deste proxecto de especialización.

Nos seus discursos, o conselleiro e o reitor agradeceron o traballo realizado por todas as persoas que participaron neste proceso de acreditación, tanto por parte da Universidade como da Xunta como da comisión avaliadora que acaba de emitir o informe favorable.

O conselleiro: “Un paso moi significativo”

Román Rodríguez lembrou que no ano 2013 púxose en marcha por parte das universidades galegas e da Xunta “unha medida pioneira no seu momento” que consistía en fomentar a especialización dos campus, fundamentalmente dos que se denominaban campus non centrais, para que puidesen ser competitivos e tivesen unha maior interconexión coa súa contorna, converténdose en axentes de dinamización económica e territorial. “Xorden así os campus de especialización, onde se buscaba que os diferentes campus tivesen un perfil, perfil tanto en docencia como en investigación e transferencia, que estivese vinculado ás potencialidades que se entendían que naquel momento tiñan os diferentes campus”, afirmou. O Campus Auga foi o primeiro campus de especialización que se puxo en marcha en 2013, o que implicou unha serie de fondos específicos para poder desenvolver diferentes tarefas orientadas ás misións de investigación, transferencia e docencia.

A consecución da acreditación por parte do Campus Auga, supón, en palabras do titular de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, “un paso moi significativo porque posibilita seguir traballando nesta especialización”, mellorando e orientando a súa investigación, docencia e transferencia “nun campo concreto, que é o amplo campo do que significa o mundo da auga, que nesta cidade e nesta provincia ten moitas ramificacións (económicas, ambientais, de todo tipo)”. Segundo detallou o conselleiro, a acreditación “significa que se van a poder seguir desenvolvendo diferentes actividades universitarias cun financiamento extraordinario”. Así explicou que a partir de agora ábrese un período de varios meses para deseñar o plan de acción para continuar o desenvolvemento do Campus Auga “nunha senda de especialización e de mellora” e unha vez realizado este plan asinarase un convenio para o seu financiamento. “O plan será de tres anos e neses anos haberá un investimento mínimo de tres millóns de euros”, afirmou Román Rodríguez.  

O reitor: “Campus Auga xogará un papel fundamental”

Pola súa banda, Manuel Reigosa recalcou que nun contexto no que o sistema universitario galego público “está chamado a xogar un papel fundamental” no desenvolvemento económico, social e a todos os niveis en Galicia, “podemos sacar moito partido a que nos campus exista un certo nivel de especialización que permita que teñamos capacidades complementarias”. No caso concreto do campus de Ourense, lembrou, “elixiuse, eu creo que con bo tino, algo que en principio estaba moi relacionado coa visión que moitos temos da provincia de Ourense como provincia termal, moi ligada á auga, pero tamén coas capacidades tanto docentes como investigadoras que ten o campus”. Así, apuntou datos como que a UVigo, “grazas ao campus de Ourense”, está situada como universidade número 15 do mundo en Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e entre as 300 mellores en Ciencias Agrícolas.

A acreditación, indicou o reitor da Universidade de Vigo, vai permitir “afondar nas políticas que se levan a cabo, afondar nesta especialización intelixente do campus” e “unha serie de políticas que nos van a colocar se é posible máis arriba”. Serán, indicou, “tres anos moi intensos que van a beneficiar a todo o campus, non só ao campus de especialización”. No plan que se establecerá para os vindeiros anos, detallou o responsable académico, levaranse a cabo accións en docencia, investigación e transferencia, apostando por iniciativas como a captación e retención de talento, fortalecer liñas de investigación, a investigación colaborativa e a internacionalización. Neste senso, o vicerreitor do campus de Ourense engadiu que o plan “vainos dar un pulo importante en internacionalización”, sinalando o papel do campus de Ourense como central na eurorrexión Galicia-norte de Portal. O reitor quixo agradecer “o apoio continuo da consellaría” neste proceso de acreditación que, indicou, “foi un proceso longo, custoso e duro nalgúns momentos”.