O Campus Auga preséntase diante da Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia

O vicerreitor facendo a presentación do Campus Auga

O vicerreitor do campus explicou as características do proxecto do Campus Auga na asemblea e congreso que a Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia celebrou en Ourense o sábado 28 de outubro. Foi esta a 74ª edición da Asemblea e do Congreso Científico Internacional (FEMTEC) baixo o lema Balneroterapia do futuro. No marco da súa  programación, o venres 27, Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do campus de Ourense, presentou en detalle as persoas asistentes o Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense arredor dos recursos hídricos apoiado pola Xunta de Galicia.

A Federación Mundial de Hidroterapia e Climatoterapia, fundada no ano 1937, conta actualmente con máis de 30 países membros, sendo, segundo indican desde a súa organización a única organización non gobernamental do sector que mantén relacións oficiais coa Organización Mundial da Saúde. O seu congreso en Ourense, apoiado pola Deputación de Ourense, acolle 45 relatorios a cargo de delegados procedentes de 20 países, con presencia de delegacións de Estados Unidos, Uzbekistán, Italia, Kazajistán, Portugal, España, Polonia, Australia, Francia, Romanía, China, Cuba, Nixeria, Rusia e Suíza, que se completa coas intervencións on line desde Arxelia, Marrocos, Brasil, México e San Marino.