Ivan Costa, investigador da UVigo fixo o seu estudo no marco do doutoramento do Campus Auga, en concreto no programa “Auga, Sustentabilidade e Desenvolvemento”. O obxectivo xeral deste traballo foi a busca de procesos de biorrefinería eficaces en subprodutos da castaña para a obtención de biomoléculas con aplicación no campo alimentario.
A tese, titulada Application of the circular economy in the chestnut production cycle, estivo dirixida desde a Facultade de Ciencias polos catedráticos José Manuel Domínguez e Nelson Pérez. Foi realizada baixo o amparo do proxecto Innobiorresiduos (no que participou un consorcio de empresas como Extraco, Galaicontrol, Betanzos HB, Soutos Sativa, Indutec Ingenieros, Renga Enerxía, Ingenieros SLU e as universidades de Vigo e Santiago de Compostela).
Residuos ou subprodutos: ingredientes valorizables
Costa, doutor pola Universidade de Vigo, egresado en Ciencias Ambientais e co Mestrado en Ciencia e Tecnoloxía Agroalimentaria e Ambiental comenta que para reducir a contaminación ambiental, o aproveitamento axeitado da biomasa lignocelulósica xorde como unha alternativa ás fontes non renovables, debido á súa abundancia e composición rica en polisacáridos e lignina, que a converten nunha excelente opción para xerar produtos de valor engadido, como biocombustibles, biocompostos e bioenerxía. Neste contexto, engade, “as biorrefinerías son as plataformas nas que se transforma esta biomasa lignocelulósica para obter produtos de valor engadido”.
No seu traballo, o investigador do Grupo BiotecnIA (Biotecnoloxía Industrial e Enxeñaría Ambiental) escolleu como biomasa de estudo a do castiñeiro (Castanea sativa), “un cultivo amplamente distribuído en Europa, principalmente nos países mediterráneos, sendo España un dos maiores produtores europeos, e en particular destacando Galicia”, onde é “fonte de emprego e recursos económicos”. Neste senso, apunta Iván Costa, varios subprodutos resultantes do procesado da castaña (follas, poda, cáscaras e ourizos) “son candidatos de alto potencial para ser utilizados nun proceso de biorrefinería e obter compostos de alto valor engadido debido á súa dispoñibilidade e baixo custo”. En particular, detalla, os ourizos de castaña “son un subproduto pouco explotado que se xera en grandes cantidades, xa que a súa produción pode superar entre 2,5 e 3 veces a produción de carne de castaña”. Tendo en conta que a produción mundial de castañas supera os dous millóns de toneladas anuais, indica o investigador, estes ourizos preséntanse como un candidato susceptible de ser valorizado mediante procesos de biorrefinería.