Do 15 ao 17 de setembro celebrarase unha nova edición, a cuarta, do Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida organizado polo Campus Auga da Universidade de Vigo. Nesta ocasión, a cita integrarase co II Congreso Internacional sobre Auga e Saúde de Termatalia, confluíndo nun único programa común no que as consecuencias da pandemia en eidos como o benestar e o turismo termal terán un protagonismo destacado. Arredor de 60 especialistas procedentes de dez países participarán neste encontro científico que terá un formato híbrido, mesturando a participación presencial desde Expourense e a virtual.
A iniciativa foi presentada este mércores por Esther de Blas, vicerreitora do Campus de Ourense; Rogelio Martínez, director xerente de Expourense e director de Termatalia; Gabriel Alén, delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense e presidente do comité executivo de Expourense; Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación de Ourense; Flora Moure, concelleira de Turismo e Termalismo de Ourense e Rodrigo González, técnico do GDR-12 Ribeiro-Carballiño. Na súa intervención, Esther de Blas explicou que este simposio xurdiu en 2015 como unha iniciativa do Campus Auga, o proxecto de especialización do campus de Ourense, en colaboración con Expourense, o Concello e a Deputación de Ourense aproveitando a celebración cada dous anos da Feira Internacional de Turismo Termal (Termatalia) na cidade de Ourense. O seu obxectivo é profundar no coñecemento das augas termais e mineromedicinais como axentes terapéuticos, de calidade de vida e benestar, e analizar as súas implicacións sociais e económicas, estreitamente relacionadas co turismo termal.