Campus del Agua

Presentación

Reitor
O proceso de especialización do Campus de Ourense no chamado Campus da Auga conta non só co respaldo interno da Universidade de Vigo, senón cun recoñecemento por parte do Goberno Autonómico que se plasma en diversos convenios.

Os primeiros destes documentos datan do ano 2012 e neles contémplase a axuda económica para redactar o Plan Estratéxico do Campus da Auga. O Plan estratéxico, elaborado a partir da análise realizada por un grupo de expertos da Universidade de Vigo e redactado pola consultora Sociedade Portuguesa de Innovación, conclúese en 2013 e tórnase en peza fundamental para executar na actualidade o proceso de especialización. Entre estes documentos compre salientar o Acordo do Consello da Xunta de Galicia de 21 de novembro de 2013 polo que se autoriza o inicio do proceso de especialización do Campus de Ourense no Campus da Auga e que converte a Ourense no primeiro Campus dos non centrais en adquirir este status. Por último, non podemos deixar de mencionar o Convenio en virtude do cal a Xunta de Galicia concede á Universidade de Vigo máis de catro millóns de euros destinados á construción do edificio que albergará a sede central do Campus da Auga e os equipamentos de apoio de investigación neste eido.

Hoxe o Campus da Auga pódese definir como unha sorte de proceso de especialización en construción que pretende converter ao Campus de Ourense en líder na investigación e na docencia en materias relativas á auga. A auga, tanto por motivos endóxenos, que atenden aos recursos humanos existentes no Campus de Ourense, aos grupos de investigación e as liñas de investigación tratadas, como por motivos esóxenos, que fan referencia á riqueza en materia de auga termal, mineiro medicinal, fluvial, coa que conta a cidade e a provincia, constitúe o elemento sobre o que se quere facer pivotar esta especialización. Pero tamén buscando sinerxías con outras institucións locais ou de influencia no noso ámbito territorial, como pode ser Concellos, Deputación Provincial, Confederación Hidrográfica Miño-Sil. Trátase de desenvolver formación sobre o elemento auga e factores relacionados co mesmo, como medio ambiente, desenvolvemento sostible, saúde, turismo, xestión dos recursos naturais. Para cumprir esa misión o Campus da Auga armouse dun organigrama liderado polo Reitor e dirixido polo Vicerreitor do Campus de Ourense, actual Comisionado do Campus da Auga, estruturado en cinco grandes áreas: Investigación, Internacionalización, Transferencia, Académica e Innovación educativa-Divulgación Científica. Pero o traballo deste organigrama non sería posible sen a implicación dos seis centros actuais do Campus de Ourense no proceso de especialización.

Precisamente ese traballo colaborativo dos órganos anteriormente sinalados e das persoas que os forman, foi o que permitiu desenvolver unha actividade intensa dende o ano 2014 ata chegar á actualidade.

Para coñecer polo miúdo a evolución do proceso de especialización e os fitos acadados, poño á disposición da comunidade universitaria e do público en xeral os informes que elaborei para presentar anualmente ante o Consello de Goberno da Universidade de Vigo, e que se poden consultar nesta mesma sección no seu texto íntegro.

En Ourense, a 1 de xullo de 2016


Virxilio Rodríguez Vázquez

Vicerreitor do Campus de Ourense

Comisionado do Campus da Auga

| | |


Evolución